Coñecín a Pepe, como lle chamabamos en confianza a Don Xosé Neira Vilas, en abril de 2014. Faltaban poucos dias para a miña partida cara unha xira por Latinoamérica. Un amigo común sabía que a nosa axenda de concertos incluía a Uruguai, Arxentina ou Cuba e por iso insisteu en que antes de partir debía facerlle unha visita. Eu estaba a punto de recorrer en 15 días o que para Pepe fóra a viaxe dunha vida e que á postre se convertiría nunha das máis fermosas epopeas da historia recente do noso país, Galicia.
Recibeume na súa casa de Grés, parroquia no corazón mesmo da Galicia que o viu nacer e tamén emigrar con 20 anos cara un futuro incerto á outra beira do Atlántico e que contemplou tamén o seu regreso con Anisia Miranda, 40 años máis tarde, convertido xa nunha nunha lenda.
Lembro perfectamente ese dia. Aos poucos minutos de establecer conversación, puiden percibir a súa tenrura y sinxeleza, acompañados dunha sabiduría macerada ao longo dos anos que facían daquela conversación o comenzo dun dos mellores agasallos que a vida me teña posto ante min. Sempre agradecerei a Xoán Domato, ese amigo común ao que me refería ao comezo, que nos puxese en contacto. Creo que dende aquel mesmo momento me sentín parte do Universo Neira Vilas. Un universo que atrapaba a quen se achegaba a el. Os que vivíchedes esta experiencia sabedes ao que me refiero.
Pepe comentoume nalgunha ocasión que non cría nas coincidencias. Que el e Anisia tiñan a intuición de que cada un de nós estamos representados por un átomo no universo, e que cando estos átomos se rozan, os seus representados na terra se xuntan dalgún xeito. Era a teoría de cómo eles se coñeceran en Buenos Aires a pesar de que un nacera nunha pequena aldea de Galicia e o outro en Cuba.
Ao comezo non entendín moi ben esta lei da física cuántica de Pepe, pero co paso do tempo decateime de que esta teoría é plenamente válida para os que formamos parte do Universo Neira Vilas.
Non puido ser casualdade que o meu concerto en Buenos Aires fose no Teatro Avenida, onde Pepe e outros mozos galegos boicotearan, 60 anos atrás, unha función teatral na que se ridiculizaba a figura dos galegos.
Non podía ser casualidade que na Habana, durante unha rolda de prensa previa ao noso concerto de 2014, a prestixiosa produtora artística cubana Cary Diez (ahora xa amiga da alma) me propuxera levar a cabo un proxecto que, dalguha maneira, puxera en valor a histórica relación entre Galicia e Cuba.
Como tampoco foi casualidade que á volta desa xira Pepe me chamara para decirme que ía escribir todas as letras do disco que tes agora mesmo nas mans.
El sabía que os nosos átomos se atoparan. E por iso, no verán de 2015, envioume letras que falaban do Caballero de París (personaxe mítico da Habana que emigrara dunha aldea de Lugo) ou de Francisco Villamil (un galego mambís que loitou pola independencia de Cuba e rematou sendo xeneral), sobre os pescadores galegos do golfo, da irmandade entre os nosos pobos, da súa chegada á Habana e, como non, do seu amor cubano.
Podría destacar innumerabeis virtudes de Pepe, como a súa querencia por Cuba e Galicia, a súa paixón polos nenos, a súa elegancia, vasta cultura, a súa prodixiosa memoria, o espírito de traballo e sacrificio, a súa constancia, o metódico e ordenado que era…Pero quédome con que en todo o tempo que estiven con el, durante as longas conversas que mantivemos, nunca mirou ao pasado para falar mal de alguen ou laiarse por algo do que a vida lle deparara. Era un dos grandes. Para min o máis grande que coñecín xamáis.
Estou convencido de que o Universo Neira Vilas continúa en expansión a través da súa obra, atrapando átomos de persoas que el ni sequera coñeceu en vida. E esos átomos seguramente se rozaron nalgún intre para que as cancións deste traballo, escritas por el mesmo fai só uns meses, sexan hoxe o noso precioso punto de encontro.
Benvido ao Universo Neira Vilas.
Roi Casal