PEPE E ROI

Se cadra, Pepe era un poeta e case nin nos decatamos. Se cadra, toda a súa vida, dende aquel lonxano 1960 no que publicou en Bos Aires o poemario Inquedo latexar, Pepe non fixo máis ca pescudar nas palabras, na procura da célula nai da literatura: a poesía, cerne e alma. E para el, voz do pobo, o poeta era o cantor: música e palabra vencelladas en alianza indisoluble. Medrou arrolado polos sons do seu abó Santiago quen, ademais de labrego e zoqueiro, era clarinetista, e que lle ensinou solfexo coma quen ensina a xogar coas notas, mais tamén escolleu como pobo de adopción posiblemente aquel que, no seu adn leva codificado un pentagrama. Se a poesía é música, e se Cuba é música, entón ¿como non ía Neira Vilas atopar alí inspiración, sons e palabras que se converten en poemas que son cancións? Se cadra, ese e non outro foi o segredo da amizade entre Pepe e Roi: a misteriosa sintonía dos que se recoñecen como membros da irmandade da arte. Sexa polos camiños da palabra, sexa polos dos son, ambos atópanse nesa encrucillada que é a canción. Ou sexa, o poema. Porque non esquezamos que, no seu sentido orixinario, o termo canción ou cántiga referíase a toda composición poética que se puidese cantar. Así, levados nas ás da música, é como Pepe e Roi, Roi e Pepe, emprenden a súa particular viaxe ás orixes da arte poética, da arte musical.

Se cadra, é por iso que nestes poemas ecoan alalás, muiñeiras e foliadas, mais tamén boleros, congas e guarachas. Levados pola lixeireza do verso de arte menor, e pola da rima asoante, as cancións de Roi -os poemas de Pepe- erguen unha ponte dunha a outra banda do atlántico pola que transitan pescadores do Golfo de México e galegos mambises, amores e apertas, saudades e anceios, topónimos exóticos e outros que recoñecemos como propios. Punto de encontro xeracional entre dous artistas, este feixe de cancións son a despedida dun escritor que, esporadica mais constantemente, non deixou ao longo da súa vida de visitar ese territorio virxe da poesía, onde a verdadeira literatura atopa a auténtica medida de si mesma. No limiar á súa Poesía recadada (1994), Neira Vilas confesaba que lle debía o seu achegamento infantil á poesia a súa avoa Maripepa, que lle “recitaba e cantaba vellos romances”; para o Pepe neno, facer versos era un xogo, e xa na adolescencia deulle por “axeitar novas letras a cancións de moda, sobre todo corridos mexicanos e boleros”. Se a vellez é, como algúns din, un regreso á infancia, da man de Roi voltaría o noso Pepe, xa no intre de porlle o ramo á súa andaina vital, a xogar aquel “xogo engaiolante das palabras”, tal e como el definiu, coa sinxeleza e a falta de pretenciosidade que o caracterizaban, o oficio de poeta.

Dolores Vilavedra 

producion@harpazul.com - tlf. 600716570